jueves, 11 de octubre de 2012

Faro da cultura. Chaplin sonoro


Cando no ano 1927 o actor protagonista de O cantante de Jazz (The jazz Singer, 1927), Al Jonson, falaba cara o público para dicir: “Agarden un momento, aínda non oíron nada”, un terremoto acababa de sacudir os alicerces da arte cinematográfica. As reaccións a este novo invento foron tan múltiples como dispares, nas que non faltaron os posicionamentos escépticos como o de René Clair, quen manifestou o medo polo uso que os industrias poderían facer do son; ou os postulados dos cineastas rusos (Eisenstein, Pudovkin, Alexandrov), os cales asinaron unha declaración na que sinalaban o perigo de que a palabra e o diálogo escravizasen a liberdade da montaxe.
Unha das reaccións máis radicais neste sentido foi a de Charles Chaplin, quen chegou alegar que xamais faría unha película sonora e que, de facela, interpretaría nela o papel dun xordomudo. Para Chaplin, como tamén para Murnau ou Stroheim, nos últimos anos da etapa muda, o cine acadara unha madurez clásica froito duns códigos propios moi coherentes que foron posibles conquistar tras un inmenso traballo artístico. Por esta razón, para eles a introdución dun novo elemento supoñía un novo contratempo, xa que a súa faceta artística levoulles a aprender a dicir todo o que querían dicir con catro palabras ensartadas nos intertítulos. En definitiva, a aparición do sonoro obrigáballes a reestruturar a súa linguaxe, a comezar de novo. De aí que non é casual que os artistas que acadaron o maior dominio do cine mudo, foran os máis opostos a utilizar o son.
Precisamente Chaplin converteuse nos líderes dos resistentes. En declaracións a un xornalista afirmou detestar os talkies por sepultar o arte da pantomima. Efectivamente, un dos xéneros máis importantes do cine mudo, o slapstick, foi enterrado sen contemplacións, e grandes figuras como Harry Langdon, Harold Lloyd e Buster Keaton víronse abocados ao ostracismo coa chegada do cine sonoro. Porén, en contra do que se poida pensar, Chaplin non tomou a decisión de continuar realizando pezas mudas dunha forma precipitada, senón que estudou minuciosamente numerosos films falados e unicamente, cando non foi quen de atopar ningunha vantaxe ao novo invento, renunciou definitivamente á palabra.


Tras rexeitar varias ofertas para facer un film falado, Chaplin comeza a rodaxe de Luces da cidade (City Lights) no ano 1928. Pese a todo, o cineasta compón un tema musical e usa o son para algúns efectos cómicos, como o discurso de Henry Bergman cando inaugura o monumento, ou a secuencia na que o protagonista traga un asubío e sofre un ataque de impo.
Chaplin non fará unha película cen por cen falada ata que se desfaga definitivamente do seu personaxe de Charlot e da arte da pantomima. Iso non sucederá ata o ano 1947 con Monsier Verdoux, pero nas súas longametraxes anteriores (Tempos modernos e O gran ditador) a palabra xa cobra un protagonismo notable, a pesares de que os parámetros narrativos de ambos filmes seguían a estar marcados polo cine mudo. En Tempos modernos (1936) podemos escoitar por primeira vez a voz do vagabundo na canción do restaurante, ou unha voz na secuencia da máquina alimentadora. Pola súa parte, en O gran ditador a palabra xa foi cobrando moita máis presenza, acadando momentos memorables como o discurso final do vagabundo Hinkel.
A súa resistencia ao cine falado non lle impediu aproveitar, desde o primeiro momento do sonoro, as posibilidades da gravación para enriquecer os seus gags, sen traizoar a esencia do arte da pantomima, o arte do mimo que tanto dominaba e que lle permitiu configurar un personaxe que non pretendía ser real, senón unha idea humorística, unha abstracción cómica baseado nunha pequena silueta simbólica da bufonada. Chaplin sabía que a fala podería acabar con esa ilusión que logrou estender todo o seu humanismo por todos os países do mundo desde o seu nacemento ata os nosos días e os tempos vindeiros. Quizais, o cariño que Chaplin chegou a sentir por Charlot e por toda a estética que rodeaba a este, despertou unha mirada pouco compracente cara ao seu inimigo: a palabra falada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario