O pasado día 11, a Academia sueca
concedeu o Premio Nobel de Literatura ao escritor chinés Mo Yan, doce anos
despois de recibilo, aínda que daquela vez no exilio, o seu compatriota Gao
Xingjian. Ao marxe das inevitables polémicas que habitualmente rodean este
galardón —aínda que o nivel de discrepancias nunca chegará á altura do Nobel da
Paz, como proba a última decisión deste
ano— o que está claro é que, a expansión do xigante asiático non acontece
unicamente no apartado económico ou deportivo, senón tamén no ámbito literario,
por máis que se pretenda impoñer un bozo á liberdade de expresión. Guan Moyen —este é o verdadeiro nome do
galardoado que utiliza o seudónimo Mo Yan (“non fales”), o que de entrada da conta
do seu ollar satírico da vida— conxuga na súa escritura un estilo
occidentalizado a partires das influencias de William Faulkner, Gabriel García
Márquez e Franz Kafka, ata construír, en verbas da Academia sueca, “un realismo
alucinatorio, que une conto, historia e o contemporáneo”.
Entre as súas obras máis
relevantes están Grandes peitos, amplas
cadeiras ou A vida e a morte están a
desgastarme, pero é, unha vez máis grazas ao cine, Sorgo vermello, a súa novela máis coñecida. Trátase da súa primeira
publicación e tamén da primeira película de Zang Yimou, que no ano 1988 abraiou
á crítica cinematográfica mundial na súa estrea no Festival de Berlín, onde foi
premiado co Oso de Ouro. Houbo quen por aquel entonces comparou a estrea desta
longametraxe coa aparición de Rashomon (Akira
Kurosawa) no Festival de Venecia alá polo ano 1951, onde tamén levouse o León
de Ouro. Foron dúas fiestras pola que o resto do mundo comezaron a mirar con embeleso
o novo cine que proviña de países, por aqueles anos, illados do mundo occidental.
Despois deste bautismo, a obra fílmica de Zang Yimou non deixaría de recoller
recoñecementos por todos os festivais do mundo: mellor director no Festival de
Cannes con A semente do crisantemo
(1990), o León de Ouro en Venecia con Qiu
Ju, unha muller chinesa (1992) e Ni
un menos (1999), así como varias nominacións ao Oscar para películas de
fala non inglesa.
Enmarcada dentro da coñecida
corrente “literatura das raíces”, Sorgo
vermello está ambientada no universo rural da China de principios do século
XX. A novela estrutúrase a partires de múltiples analepsis, pequenos retallos
do pasado protagonizados polos ascendentes do narrador, homes e mulleres en
posesión de virtudes e inmoralidades e inmersos nun contexto cruento. O peso
que os seus ascendentes gravan nas circunstancias do presente e no seu destino,
dalgún xeito, remítenos á liñaxe dos Buendía en Cien años de soledad. A formulación de Mo Yan reside no peso desa
memoria, dese pasado que nin debemos nin podemos esquecer. O título da novela, Sorgo vermello, fai referencia ao símbolo
do espírito tradicional da rexión de Gaomi, que foi subsituído por un sorgo
híbrido que non posúe a beleza so sorgo orixinal.
A longametraxe de Zang Yimou,
sostén a mirada no pasado por medio do recurso do flashback, inserto nunha voice over que, a imitiación do narrador
literario, trasládanos a un pretérito. O relato fílmico dá comezo co traslado
polo deserto nun palanquín dunha noiva cara o seu casamento, pero antes de que
este poida consumarse, o prometido é asasinado en estrañas circunstancias. Un
xeito tráxico de marcar o inicio, a orixe dunha historia que avanza escurecido
pola sombra do pasado. A partires deste punto, Zang Yimou vai tecendo unha
fábula mediante fermosas imaxes que abrain pola súa cor, rendibilizando ao
máximo o valor fotográfico e simbólico de todos e cada un dos planos que
conforman as distintas secuencias do film.

No hay comentarios:
Publicar un comentario