lunes, 16 de julio de 2012

Faro da cultura. Cine e emigración


Toda obra de arte ven sendo herdeira dun contexto histórico sobre o cal repousan a xéneses das obras máis importantes dunha cultura determinada. A partires dos códigos estéticos e dos parámetros argumentais que unha análise sosegada poida desvelar, a obra en cuestión deberá aportar información sobre as coordenadas espacio-temporais da súa creación. A historia de Galiza no século XX atópase ferida pola cicatriz da emigración, e esta cicatriz atravesa obras literarias como o poema de Rosalía “Adiós ríos, adiós fontes” ou o relato de Castelao “O pai de Migueliño” (adaptada a curtametraxe por Miguel Castelo Agra), e visualmente deixou pegada na memoria colectiva coa fotografía de Manuel Ferrol. Como ben pode percatarse o lector, o retrato da emigración esbozado por estes exemplos pouco ten que ver co tratamento adulterado que programas de televisión, ultimamente moi de moda, fan dos compatriotas que proban sorte alén das nosas fronteiras.

                Antes de que o cine en España comezara a falar, Florián Rey rodou unha das escenas máis intensas sobre a emigración na súa obra mestra “La aldea maldita” (1930), cando os veciños dunha aldea teñen que deixar o seu pobo ante a negativa do propietario das terras a cultivalas. Un plano xeral da liña das carretas dos aldeáns marchando polo camiño entra en colisión co plano seguinte do usureiro propietario, cualificándoo así de gusán ou de serpe. Outra longametraxe emblemática sobre a emigración do ámbito rural á cidade é “Surcos” (1951), de José Antonio Nieves Conde, que non saíu impune aos intentos do réxime franquistas por ocultar as penurias dun país na ruína. Aínda que dun xeito tanxencial, Juan Antonio Bardem tamén amosou na súa película “La venganza” (1958) a emigración dos xornaleiros galegos que acudían por temporadas a traballar aos campos de Castela.
                Nos anos noventa, cando España comeza a ser receptor de man de obra estranxeira, xorden films como “Las cartas de Alou” (1990) de Montxo Armendáriz ou “Bwana” (1995) de Imanol Uribe, que denuncian a xenofobia dun pobo que semella non estar preparado para recibir cidadáns doutras latitudes.
                Dentro do cine de emigración, é preciso valorar o cine do exilio, que poderiamos encarnar no rostro da actriz de teatro coruñesa María Casares, filla do primeiro ministro da II República no momento da sublevación militar, Santiago Casares Quiroga. Exiliada cando aínda era unha adolescente, María Casares fixo carreira en Francia onde traballou para os realizadores franceses máis relevantes da época interpretando papeis de mulleres abandonadas: “Les enfants du paradis” (Marcel Carné, 1943-1945), “Les dames du Bois de Boulogne” (Robert Bresson, 1945), “Orphée” (Jean Cocteau, 1950).
                Se María Casares foi o rostro do exilio cinematográfico, a longametraxe que mellor representa o exilio é “En el balcón vacío”, unha verdadeira obra mestra dirixida por Jomí García Ascot en México no ano 1962, baseada nos apuntes autobiográficos de María Luisa Elío, esposa do director, e coa colaboración no guión de Emilio García Riera. A moitos lectores soaranlles os nomes do matrimonio Ascot-Elío porque Gabriel García Márquez adicoulles a súa novela “Cien años de soledad”. Todos eles eran fillos de exiliados españois, como así eran todos os actores non profesionais que participaron neste proxecto. Cun custo de 4000 dólares, García Ascot roda a súa película durante corenta domingos en lugares como o Sanatorio Español, o Colexio Madrid, o Ateneo Español ou o Parque de Lira, que podían pasar por escenarios españois. A pesares das dificultades, o resultado foi un emotivo fresco cunha carga poética poucas veces superada por un obxectivo cinematográfico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario