Achegarse
á obra fílmica de Clint Eastwood supón entrar en contacto cun dos cineastas
máis respectados pola crítica especializada en todo o globo terrestre. A
pesares dos resbalóns que, non nos enganemos nin pretendamos enganar a ninguén,
protagonizou o realizador californiano, a súa filmografía conta cun prestixio
sustentado sobre alicerces moito máis sólidos que a rendibilidade recaudatoria.
“O derradeiro director clásico”, esta soe ser a reseña máis utilizada para
denominar a súa aportación creativa. Recoñecendo o compoñente nostálxico e reducionista
de tal afirmación, non creo estar en posesión de moitos argumentos para
desautorizala. Agora ben, o seu estilo clásico no ámbito formal garda un
paradoxo no ámbito temático que, na miña humilde opinión, enriquece o corpus da
súa obra, sobre todo a raíz da estrea de Sen
perdón (Unforgiven) no ano 1992.
O citado paradoxo reside na relectura, incluso poderiamos falar de
“deconstrución” daqueles canons argumentais sobre os que se cimentou a
mitoloxía do cine clásico americano que el mesmo contribuíu a consolidar, tanto
no plano actoral como na dirección. Para exemplificar esta teoría votarei man
dalgún exemplo práctico.
Bandeira dos nosos pais (Flags of our fathers, 2006) é unha
adaptación do libro Iwo Jima: seis homes
e unha bandeira de James Bardley, fillo dun dos seis soldados que alzaron a
bandeira norteamericana na cima do monte Suribachi da illa de Iwo Jima. A
fotografía que inmortalizou o momento, obra de Joe Rosenthal, gañou o premio
Pulitzer e converteuse no símbolo da vitoria estadounidense sobre Japón na
Segunda Guerra Mundial. A longametraxe relata a estratexia propagandística do
goberno dos Estados Unidos para espertar o ánimo nacionalista da cidadanía a
través dunha xira por todo o país dos protagonistas da fotografía, utilizados
como exemplo de valor e triunfo dos forzas armadas. Os soldados recorren todo o
país para escenificar ese momento emblemático que recolle a instantánea, coa
finalidade de construír unha imaxe mítica non só do exército, senón de todo unha
nación. Porén, baixo o esplendor que irradia a fotografía agóchanse as
realidades dos protagonistas que moi pouco teñen que ver coa imaxe heroica que
se procura transmitir. Clint Eastwood amosa as miserias que entre bastidores
sofren os protagonistas en forma de remordementos, inadaptacións,
desequilibrios psicolóxicos, etc. A fotografía de Iwo Jima supón un artificio
cunha intención propagandística, pero, certamente, agocha unha realidade ben distinta.
Traslademos
agora esta formulación a un filme como Gran
Torino (2008). Nesta longametraxe, o protagonista (interpretado polo propio
Eastwood) atesoura os rasgos máis recoñecibles de varios dos personaxes
encarnados por el durante moitos anos: é un heroe da guerra de Corea (O sarxento de ferro), cuspe
continuamente (O aventureiro da media noite),
renega do seu pasado e non supera a morte da súa muller (Sen perdón), e mantén unha relación paterno-filial cun personaxe
máis novo (Million dollar baby). É
dicir, estamos ante a representación dun personaxe tipo elevado aos altares do
heroísmo americano. Nembargantes, a medida que avanza o filme, o protagonista
vaise decatando da inutilidade da súa personalidade, do seu comportamento e da
súa escala de valores. Todo o seu mundo desmorónase cando unha banda de indeseables
viola á súa veciña para vingarse de el. Esmorece o mito e imponse a realidade.
É entón cando entrega a súa vida escenificando un acto de expiación que ademais
permite ás novas xeracións fuxir da violencia. Gran Torino supón o exemplo máis nítido da desconstrución dunha
mitoloxía erixida no seo do cine americano, co importante engadido de que o
autor deste acto foi parte esencial na conformación desa mitoloxía. Unha
deconstrución que acaba en morte, mellor dito en suicidio, traspasando deste
xeito unha liña que non foi quen de traspasar en Sen perdón, aínda que xa neste filme puidesemos ver algún indicio
da relectura do cine de Clint Eastwood.
No hay comentarios:
Publicar un comentario