Cando falamos
de correntes exclusivamente cinematográficas, nos anos cincuenta apareceu un
grupo heteroxéneo de cineastas etiquetado baixo a denominación de “xeneración
perdida”, que engobla a unha serie de realizadores que conforman a segunda
xeneración do cine sonoro que xurde no corazón de Hollywood. Os exponentes máis
cualificados deste grupo serían John Huston, Nicholas Ray, Richard Brooks,
Robert Rossen, Abraham Polonsky, Jules Dassin, Joseph Losey e Edward Dmytryk.
Aínda que non
exista unha relación directa coa célebre “xeneración perdida” literaria, para
quen foi acuñada orixinalmente a etiqueta de “perdida”, o grupo cinematográfico
apostou por uns postulados éticos e estéticos que, dalgún modo, poideron
motivar certo parentesco: unha búsqueda da independencia e a liberdade
creadora, unha conciencia social na plasmación das historias, e unha pretensión
por introducir maior dose de realismo nas súas películas.
Pola súa
banda, a “xeneración perdida” das letras empezou a publicar nos anos 20, cando
o cine empezaba a consolidar a súa linguaxe e ademáis as súas imaxes comezaban
a falar. Este contexto facilitou unha fructífiera convivencia entre este grupo de
escritores e o cinema, no só mediante a cesión de dereitos para adaptación das
súas novelas, senón tamén na participación activa como guionistas. John Dos
Passos, William Faulkner, Ernest Hemingway, F. Scott Fitzgerald ou John
Steibenck atoparon no sétimo arte unha forma complementaria de
manifestar as súas inquedanzas.
Polo que
atinxe a Ernest Hemingway, desde que en 1932 Frank Borzage adaptase á gran
pantalla A farewell to arms (Adeus ás
armas), foron máis dunha ducia de longametraxes as que levan a impronta do
autor no argumento das mesmas, nalgún casos, con varias versións do mesmo
relato.
Sen intención
de menospreciar o resto de causas que poderían explicar o gran número de
adaptacións da súa obra, neste artigo pretendo centrarme no estilo de Hemingway
como nexo de unión entre as dúas artes: literatura e cine. A escritura directa
e sen ornamentacións herdeira da crónica
xornalística —non esquezamos os comezos do escritor como corresponsal de
guerra—expresa unicamente accións claramente visibles, evitando por todos os
medios a mínima manifestación do pensamento interior do heroe, así, o lector
terá que inferir que está a pasar pola mente do personaxe a partires do seu
comportamento. Sobre esta premisa sosténse a escritura canónica do guión
cinematográfico naqueles casos que pretenda denotar os procesos internos,
pensamentos, sentimentos e impresións dos sentidos. Ademáis, o estilo de
Hemingway tamén pode calificarse como cinematográfico se atendemos ao seu modo
descriptivo, o cal procura evitar a descripción independente da acción. Se
tomamos un exemplo do relato de The
Battler vemos como as descripcións
son correlativas as accións do personaxe: “Nick mirou a vía e viu as luces do
furgón de cola desaparecer ao coller a curva”. Como vemos, as luces do furgón introdúcense na escena
sen que exista unha pausa tal e como acontecía na novela decimonónica, e, polo
tanto, é unha descripción correlativa a acción. Este estilo literario facilita
un ritmo narrativo moi fluido casi equiparable á cadencia narrativa da imaxe
fílmica, capaz de dar conta dunha descripción ao mesmo tempo que ten lugar a
acción. Tampouco deberiamos pasar por alto a prolífica utilización dos diálogos
por parte de Ernest Hemingway como método para construir as súas historias, caracterizados
polo seu realismo e dinamismo, o cal redunda na idea de ritmo narrativo
equiparable ao relato fílmico que, ademáis, supón un dos elementos fundamentais
na construcción do guión cinematográfico (como xa dixéramos máis arriba, Ernest
Hemingway iniciou a súa carreira como escritor paralelamente ao nacemento do
cine sonoro). Por último, pero non menos importante, a consolidación da
narrativa clásica no cine de Hollywood —o coñecido como Modelo de
Representación Institucional— establécese sobre uns postulados cuxo primeiro
mandamento sacraliza a invisibilidade da marca autoral, e que ven a
confraternizarse coa solución de Hemingway de minimizar a presencia do
narrador.
No hay comentarios:
Publicar un comentario