viernes, 20 de julio de 2012

Faro da cultura. Manuel Fraga e o cine


Aínda que poidamos recoñecer que a influencia de Fraga Iribarne no devir histórico da cinematografía española tivo lugar dun modo indirecto, certo é que, probablemente, de non producirse o seu paso polo ministerio de Información e Turismo entre os anos 1962 e 1969, a historia do cinema hispano estaría escrito con diferentes caracteres aos que coñecemos a día de hoxe, sobre todo por mor do nomeamento, por parte de Fraga, de José María García Escudero ao fronte da Dirección General de Cinematografía y Teatro, cargo que xa ocupara brevemente entre 1951 e 1952 e do que foi apartado coa polémica suscitada coa película Surcos (José Antonio Nieves Conde, 1951). A chegada de ambos persoeiros, situados no bando aperturista do réxime, vai impulsar unha renovación no cine español plasmada nunha serie de decisións políticas. Para empezar, no ano 1962 publícase o Reglamento del Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas que pasaría a chamarse a Escuela Oficial de Cinematografía, a fin de que se convertera na canteira dos cineastas chamados a revitalizar o aletargado cine español. Un ano despois apróbanse as Normas de Censura Cinematográfica, que, aínda que resulte paradoxal, converteuse nunha iniciativa ansiada polos profesionais da industria cinematográfica, xa que este texto permitíaslle saber a que aterse, pero como todo regulamento destas características deixaba un amplo marxe á intervención do censor con especificacións tan subxectivas como o respceto ao “bo gusto”. O punto máis representativo deste impulso renovador resultou ser as Nuevas Normas para el desarrollo de la Cinematografía, promulgada en 1964, que foron bautizadas por García Escudero co nome de “Carta Magna” do cine español, das que se aproveitaron os membros da corrente coñecida posteriormente como “Nuevo Cine Español”.


                En 1964, Fraga Iribarne puxo a proba o seu coñecemento dos medios de comunicación coa conmemoración dos vintecinco anos de paz. En palabras do historiador Vicente Sánchez Biosca, Fraga soubo introducir unha maior sutileza na manipulación da televisión, a prensa, as artes, as exposicións, a radio, o cine, etc. Entre as actividades organizadas polo ministro había exposicións itinerantes sobre o tema dos logros do Caudillo, premios literarios para as obras que mellor reflectiran o espírito da era franquista, incontables artigos de prensa e tamén programas de televisión. No campo cinematográfico, o ministerio de Información y Turismo ansiaba impulsar unha película que exaltase e xustificase o réxime vixente. Fraga, ao pouco de recalar no goberno, organiza un concurso de guións sobre temas relacionados coa “cruzada española”, que finalmente queda deserto. Finalmente, ese papel desempeñouno Franco, ese hombre un documental, apoiado polo Ministerio e realizado polo director José Luis Sáenz de Heredia, quen fora autor de Raza (filme con guión de Franco) e da inacabada El último caído (un poema documental sobre a biografía do ditador). Franco, ese hombre adopta a forma, pouco frecuente para a época, dun biopic. O documental ábrese cunha reportaxe sobre o desfile militar dos 25 anos de paz e cérrase cunha entrevista filmada a Franco na sala de proxección do Pardo, despois dun suposto visionado do filme. Entre estas dous extremidades o pasado preséntase baixo a fórmula dun largo flash-back que ás veces é interrompido para retornar ao presente: escenas do desfile, entrevistas a testemuñas e presentación da Feria mundial de New York. Esta estrutura ven a confirmar que o pasado unicamente interesa como elemento lexitimador dunha situación de paz actual, cuxo artífice preséntase como guía de todo un país. A película foi estreada en salas de todo España como un auténtico acto oficial, normalmente coa presenza de autoridades.

No hay comentarios:

Publicar un comentario