martes, 10 de julio de 2012

Faro da cultura. A mitoloxía dos superheroes


Michel Chion, teórico da narrativa cinematográfica, no seu libro Como se escribe un guión establece, a partires das formulacións aristotélicas, cinco puntos fundamentais na elaboración dunha trama, entre as que atopamos dous de capital importancia: o heroe e o antagonista. 

Os canons clásicos da narrativa hollywoodiense implantaron a escenificación destes dous polos opostos como alicerce dos seus relatos, sobre o cal se construíron boa parte das máis grandes fábulas do sétimo arte, porén o tratamento superficial destes elementos derivou en moitos casos nun maniqueo que, por outra  banda, non sempre viña motivada por unha falla de habilidade do autor, senón que viña marcada pola intencionalidade de delimitar de xeito claro as fronteiras entre o ben e o mal. O exemplo máis evidente desta estratexia manipuladora atopámola no xénero do western e a súa dialéctica vaqueiro-indio, polo menos ata o estreo de Apache, filme dirixido por Robert Adrich. Asemade, con posterioridade á Segunda Guerra Mundial, e nun contexto contaminado pola Guerra Fría que deparou ese delirante estado de excepción que supuxo o mccarthismo propiciado pola nefando senador de Wisconsin Joseph McCarthy, a maquinaria propagandística da máis grande potencia distribuidora de cine centrou toda a súa hostilidade nos comunistas que vivían alén do telón de aceiro. A finais dos anos setenta e durante a década dos oitenta, cando poucos analistas occidentais podían tan sequera imaxinar o inminente derrubamento da Unión Soviética, xurdiron un elenco burdo de heroes —encarnados por actores como Silvester Stallone, Arnold Schwarzenegger ou Chuck Norris— que se erixiron en salvagardas da patria estadounidense por obra e gracia de guionistas faltos de inventiva.
Ao mesmo tempo, xurdiron outros heroes  aos que se lles antepuxo o prefixo “súper”. As adaptacións de Superman e Batman á grande pantalla permitiu perfilar uns relatos míticos que, segundo as verbas de Pierre Ansart, trazan un sistema de pensamento que explica unha orde do mundo na súa totalidade; o mito explica un fenómeno concreto, pero á vez é unha estrutura que explica calquera fenómeno. Superman, por exemplo, supón unha reactualización do mito de Prometeo que ofrece aos seres humanos o sentido da xustiza que os gobernos non poden garantir. Derrotado o comunismo a finais do século pasado, a sombra dun novo inimigo anegou de medo a conciencia colectiva de toda unha nación tras o atentado no World Trade Center de New York, no interior dun país que ata esa data semellaba ser invulnerable. Ese medo reclamaba un refuxio para tranquilizar as conciencias, e quen mellor que Hollywood para transmitir a sensación de seguridade perdida un once de setembro? Era o momento xusto de reactualizar os mitos dos superheroes que apareceron en riadas nas pantallas cinematográficas para autoproclamarse en valedores da orde, a xustiza e o modo de vida americano —resulta moi indicativo o feito de que as vestimentas destes personaxes leven as cores da bandeira estadounidense (Spiderman, Superman, Capitán América)—que sofre unha constante ameaza. O maniqueo volve a instalarse nuns relatos que pretenden estruturar un sistema de pensamento global, no cal o ser malvado que pretende atacar á humanidade reciba un merecido castigo sen que a súa culpabilidade poida ser matizada a través da intervención xudicial.
Aínda así, non é paramo todo o que avistan os nosos ollos. Fai uns anos, unha enquisa realizada en Estados Unidos concluía que o heroe máis admirado polos estadounidenses non era nin moito menos ningún personaxe saído de ningunha viñeta, senón un avogado defensor chamado Atticus Finch, protagonista de Matar a un ruiseñor (To kill a mockingbird, Robert Mulligan, 1962) que, co uso do verbo e do raciocinio foi quen de custodiar os dereitos dun cidadá de raza negra en Alabama na década dos sesenta. Certo parentesco con Atticus atopamos tamén no membro do xurado interpretado por Henry Fonda, quen cos argumentos da palabra e da razón, demostrou a beleza dos matices nun mundo atosigado pola dicotomía branco-negro a través dunha “dúbida razoable”. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario