miércoles, 4 de julio de 2012

Os presidentes de Estados Unidos no cine


Permítanme utilizar a escena inicial de Cidadán Kane (Citizen Kane, Orson Welles, 1941) para ilustrar a atracción que suxiren os gobernantes situados no cumio do poder dentro do arte cinematográfico. Estamos a falar dese travelling progresivo que se introduce no interior de Xanadú, a mansión de Charles Foster Kane, despois de facer caso omiso a un letreiro que vetaba a entrada. A cámara continúa o seu avance ata chegar a habitación onde o protagonista emite o último suspiro antes de perecer: “Rosebud”. Tanto visual como conceptualmente, Orson Welles invita aos espectadores a penetrar no espazo íntimo dun dos homes máis poderosos do seu país, e estes semellan ser arrastrados pola forza feiticeira dese movemento de cámara; toda unha metáfora da forza de suxestión que posúe o poder. Ese afán do espectador por penetrar en recintos pechados onde se dilucidan asuntos de alto calado político pode ser equiparado co instinto voyeur, e ambos atoparon no cine o mecanismo perfecto para a súa satisfacción. De feito, se visionamos o inicio de  Psicose (Psycho, 1960), no que Alfred Hitchcock nos permite adentrarnos ao interior da habitación do hostal no que os personaxes principais manteñen unha relación adúltera, descubrimos como a proposta visual é moi semellante á formulada por Orson Welles para a citada secuencia de Cidadán Kane. Dalgún xeito, esta analoxía podería explicar o significado da expresión “erótica do poder”.

O cine estadounidense sempre amosou querenza por retratar aos seus presidentes na gran pantalla, a través de personaxes tanto ficticios como reais. Entre os directores máis comprometidos coas descricións fílmicas destas figuras atópase Oliver Stone, que xa no ano 1991 filmou JFK, un dos seus mellores traballos,  onde analiza os puntos máis escuros sobre o asasinato de John F. Kennedy, desde unha perspectiva indagadora. Porén, para a posta en forma de Nixon (1995), utiliza unha formulación apegada ao psicoloxismo, coa intención de explorar os demos internos do único presidente de Estados Unidos que se viu forzado a presentar a súa dimisión. Por último, en W (2008), Stone achégase á personalidade de George W. Bush cunha mirada demasiado influenciado pola xenreira que este despertaba, o que deparou un ollar moito menos profundo que no caso de Richard Nixon. O contexto de traxedia  exerce de importante reclamo á hora de inclinarse pola representación dun presidente, tal e como acontece con Abraham Lincoln, vítima do primeiro magnicidio perpetrado en USA, e representado no cine en incontables ocasións, entre as cales destacan as versión de David W. Griffith no ano 1930 e de John Ford en 1939, máis achegadas á idea de biopic. Coa exposición destes casos, podemos distinguir as tres fórmulas distintas de enfocar un filme baseado no protagonismo dun presidente real: a indagadora, no que ademáis de JFK podemos incluír tamén a última película de Robert Redford, A conspiración (The conspirator, 2011), a psicoloxista e o biopic.

No que se refire ás longametraxes baseados en personaxes de ficción que encarnan ao máximo mandatario norteamericano, as variables multiplícanse e, así, atopamos varias posibilidades que van, desde a ciencia ficción (Mars Attacks), a parodia (Dr. Strangelove or How I learned to stop worryng and love the bomb), a acción (Air force one), a comedia romántica (O presidente e Miss Wade), o cine de grandes desastres (Deep Impact) ou o drama (Primary colors). Con máis ou menos acerto, con máis ou menos semellanza coa realidade, as representacións ficcionais dos presidentes quédanse en esbozos esquemáticos, máis interesados en escenificar o cargo político que a propia persoa. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario