viernes, 27 de julio de 2012

Faro da cultura. Eva Perón en Galicia.


A visita de Eva Perón a Galicia no verán de 1947, acabou resultando un dos acontecementos máis importantes do ano no noso país. Para facernos unha idea do monumental ruído mediático que despertou a visita de Evita, chega con reproducir un dato moi esclarecedor: mentres a media de duración dun reportaxe do NO-DO rondaba os dous minutos, esta nova ten unha duración de cinco minutos, é dicir, máis do dobre que o resto de novas.
O noticiario segue o percorrido de Eva Perón por Santiago de Compostela, Vigo e Marín, onde recibe un abraiante baño de multitude que no noticiario é remarcado por un tratamento fílmico que incide unha e outra vez na masa que aclama e vitorea a presencia da figura feminina. A montaxe de planos contrapicados de Evita —o coñecido como plano do balcón que retratou centos de veces a Franco mentres saudaba ao pobo— e os contrapicados da multitude elevábana a categoría casi divina. Neste senso, destacan as imaxes dela desde o balcón da Hotel Compostela lanzando flores ao xentío, ou tamén a súa saída da catedral e o paseo nun coche descapotable en compañía de Joaquín Sarmiento Garra (alcalde de Santiago) e escoltada por un exército de policías que permiten abrir paso ao vehículo entre a multitude.
A ruta por estas tres cidades confire á visita de Eva Perón por Galicia unha tripla dimensión determinada polas características dos lugares. A estancia en Santiago de Compostela ven determinado por un perfil relixioso coa visita á Catedral onde presencia a entronización da Virxe de Luján; pola súa parte en Vigo, concretamente no barrio mariñeiro do Berbés, o acto contén unha aparencia máis popular, incluso poderiamos utilizar o termo obreiro; mentres que en Marín, na Escola Naval Militar, a visita adquire un carácter militar.


Asemade, cada unha das tres partes que conforman o noticiario contan co mesmo inicio, baseado no principio de creación de expectación. Todas elas comezan cos imaxes dos lugares que van ser visitados antes da chegada de Eva Perón, rúas e prazas que inspiran tranquilidade e que, como ben se encarga de sinalar a voz do narrador coa súa tradicional retórica, agardan a “la ilustre embajadora de paz y de hermandad que llega a Galicia como a otras regiones de España escoltada por el mayor cariño y simpatía”. Unha vez que entra en escena Evita, a expectación deixa paso á afluencia da multitude que semella amosarlle a mesma proba de “adhesión inquebrantable”.
                Chama a atención que durante a súa viaxe por Galicia non fora acompañada nin por Franco nin pola súa esposa Carmen Polo. Grazas a estas ausencias Eva Perón garantíase o protagonismo absoluto tanto no ámbito textual como no visual, de tal xeito que así establécese unha primeira interrelación entre ela e a masa, e unha segunda interrelación entre ela e as distintas personalidades que a acompañan nos distintos actos, iso si, en ambas interrelacións sempre se aprecia a supremacía fílmica de Eva Perón.
                En definitiva, coa visita da esposa do mandatario arxentino a España a maquinaria propagandística do Réxime aplicou as mesmas fórmulas ponderativas que levaba a cabo asiduamente con Franco. As imaxes da multitude —o que Siegfried Kracauer denominou “ornamento da masa” para referirse ás concentracións da Alemania nazi— buscaban, máis que nada,  transmitir unha unidade nacional asentada nas clases populares e afianzada por unha figura suprema capaz de guiar ao pobo cara un destino común.

No hay comentarios:

Publicar un comentario