martes, 24 de julio de 2012

Faro da cultura. O parricidio dos superheroes


No ano 2008, Cristopher Nolan abraiou á crítica especializada coa súa segunda versión de Batman O cabaleiro escuro (The dark knight) -a primeira rodouna no ano 2005 co título de Batman begins- grazas á reflexión semibíblica arredor dos conceptos do ben e do mal, a cal supoñía un exercicio de “deconstrución” do típico maniqueo que conformaba a trama das anteriores adaptacións.
No medio dun discurso que pretende argallar un pensamento homoxeneizado, normalmente soe aparecer algunha que outra voz discordante coa finalidade de establecer o seu contrapunto que, de primeira man, supón a vantaxe de establecer un acto reflexivo. Entre a catarata de longametraxes de superheroes que nos últimos tempos están a encher as pantallas cinematográficas, existen varias películas que veñen a “deconstruir” os postulados marcados na súa fonte de inspiración, algo así como un parricidio, o sacrificio do seu ascendente.
Pero non só o modelo cinematográfico de superheroes viuse sometido a esta revisión das súas teses, senón que a o proceso tamén abrangue a outros xéneros lindantes. É o caso das últimas dúas versións de James Bond  —­Casino royale (2006) e Quantum of solace­ (2008)—, baixo a pluma de Paul Haggis, nas que a imaxe misóxina, infalible, reaccionaria e fascista que forxou a etiqueta semántica do axente secreto torna nun ser que cuestiona ata a desobedeciencia os postulados máis turbios dos servizos de espionaxe ingleses. Outro exemplo de “deconstrución” atopámolo tamén en Gran Torino (Clint Eastwood, 2008), na que ademais se mistura unha vertente metacinematográfica na representación da morte e o fracaso do personaxe tipo de “home duro” que tantas veces interpretou Eastwood nos anos setenta e oitenta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario